OS OURIZOS, O MUSICAL

A OBRA:

Cacho é unha ouriza de terra que vive polos montes dos arredores da ría de Vigo. É unha ouriza moi alegre e moi querida por tódolos seus amigos e veciños, pero todo cambia cando chega a adolescencia e as súas pugas comezan a crecer.

Pouco a pouco todo o mundo comezará a deixala de lado, pero Cacho consegue refuxiarse na música, coa súa guitarra. Grazas a isto coñecerá a outros amigos na súa mesma situación: Rizo, un ourizo de mar moi riquiño, Picho, un señor ourizo de castaña e Flor unha estupenda toxo habitante dos montes galegos. Tamén se atoparán cunha polbo moi rabuda e un esquío metomentodo que non lle facilitarán moito as cousas.

Con todo, os catro amigos conseguirán montar un grupo de rock e cantarán as súas cantigas durante meses ata que en primavera un concurso de bandas fará que todo cambie para eles!

«Os Ourizos, o musical» é unha obra de teatro musical de monicreques (bocones, de pau e de guante) dirixida a un público familiar e infantil.

A obra trata temas de inclusión, integración, amizade e compañerismo, todo isto envolto en referencias á cultura galega, aos seus paisaxes e ao ecoloxismo. A música, composta especialmente para o espectáculo, inclúe temas de rock, pop e rap, achegando así á rapazada diferentes xeneros musicais.

Unha historia que fala de como a amizade pode axudar a superar os obstáculos da vida.

Duración: 45 min

PERSONAXES:

FLOR

Unha toxo con moito ritmo, acompañada dos seus irmáns: Bombo e Caixa. Cun aspecto adorable e unhas preciosas flores amarelas, pode chegar a enfadarse moito se atopa lixo nos seus montes

CACHO

Unha ouriza de terra moi amorosa, carismática e alegre que sempre está cantando e tocando a guitarra polos bosques galegos. O máis doado é que a atopedes como na foto: rodeada dos seus amigos, o máis importante para ela.

PICHO

Un ourizo de castaña “tosco, seco e aromático” como el mesmo se define, nós o vemos como un ourizo moi xentil e amigo dos seus amigos. Gústalle amenizar os solpores co seu teclado

RIZO

O ourizo de mar máis riquiño que coñecerás. Gústalle tocar o baixo e a súa comida favorita é a alga vermella, odia os plásticos que se atopa no mar… Para o seu pequeno tamaño ten un corazón enorme

A POLBO

Unha polbo da ría de Vigo, moi rabuda e malencarada. Unha das mellores baterías que podes atopar, pero moi presumida e solitaria, non lle gusta compartir o seu talento

O ESQUÍO

Un esquío moi rexoubeiro, gústalle enterarse de todo o que pasa nos bosques. Coa súa rapidez e camuflaxe escoita todo dende os carballos e os castiñeiros. Non ten mal fondo, pero se deixa influenciar por calquera…

ELENCO:

MANUEL “LOLO” CASTRO: Cómico de nacemento con 34 anos de experiencia de pallaso co seu personaxe «Lolo» en diferentes espectáculos de escenario e de rúa. Formado con mestres coma Jango Edwards & Peter Ercolano, Leo Bassi, Luis de Matos, Güido Verhoef… Clown, actor, animador, contacontos, escritor de literatura infantil, editor, produtor, director e guionista, mago e xerente da empresa BARAFUNDA S.L. Produción de espectáculos: “Pepiña maruxiña quere voar”; “Antón e o Apalpador”; “Preséntame un pallaso”; “Bambolina”; “Globotolo”; “Censor de Monstros”; “Concerto en clave de Clown”, “Quen dixo medo”; “Maxia Branca”; “Cantacontos: Ollo Piollo”…
MANUEL “LOLO” CASTRO

NOEMI BLANCO: Actriz e cantante galega. Formada en interpretación na ESAD de Galicia, continuou os seus estudos de teatro na School of Music and Drama de Eskişehir (Turquía). Máis tarde tamén completaría os seus estudos de cine e interpretación con Bernard Hiller en Los Ángeles (California). Ten experiencia en cine e televisión rodando dende publicidade e curtametraxes a películas e series (A Estiba, Serramoura, El desorden que dejas…). Tamén se embarcou en proxectos teatráis, compañías de circo e de animación. Durante uns anos foi a presentadora do programa ‘Festeiros’ e ten experiencia como productora audiovisual e guionista. É vocalista en varios dúos e grupos musicáis (Dos de Copas, Late Çhai, Ollo Piollo…), tanto con música propia como con versións.

YAGO DURÁN: Actor e músico con experiencia en distintos xéneros teatrais e escénicos. Participou como actor e presentador tanto en programas coma series de televisión e curtametraxes. Con experiencia en dobraxe en galego, castelán e inglés. Posúe un longo percorrido en animación e presentación de eventos, comediante, camareiro infiltrado etc. Graduado en artes escénicas pola ESAD de Galicia, realizou distintas formacións en España, Turquía, Italia e Chipre dentro do ámbito artístico e pedagóxico. Docente de teatro, técnica vocal e marketing actoral.

Composición: YAGO DURÁN E NOEMI BLANCO

Grabación en estudo: FAUSTO DOMINGUEZ CAMAÑO

Postprodución e mixtura: PACO SERÉN

LUIS VÁZQUEZ: Artesán dos monicreques. Conta cunha ampla traxectoria en teatro de monicreques no seu país natal, Venezuela. Realizou xiras por case toda Latino América. Fundador da Compañía Cometa de Cantaura, a cal dirixiu por vinteseis anos; conta con importantes recoñecementos dentro e fóra de Venezuela, entre eles o Premio Nacional de Teatro Infantil. Fundou na República Dominicana o Grupo Lúdico Teatro y Títeres e dende hai tres anos reside en Vigo (Galicia).
@VZ. FERZ: Ilustrador